Comezan as obras de mellora do céspede do parque de Vioño
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio, empeza hoxe os traballos de mellora do parque de Vioño cunha actuación que solucionará os problemas de acumulación de auga no céspede. O Goberno local inviste 7.130 euros nesta obra, cuxo prazo de execución máximo será de dous meses.
O departamento municipal que dirixe Enrique Salvador atende así unha petición dos veciños e usuarios do parque de Vioño. O proxecto consiste na substitución da terra vexetal e a instalación de grava ou de pavimento, segundo a zona, para a continuación tapar con terra vexetal e, por último, sementar a zona con céspede. Deste xeito, Medio pretende poñer fin á acumulación de auga de chuvia nesta zona do parque.
O Concello tamén informa de que a Concellaría de Infraestruturas realizará esta semana unha serie de traballos dentro do contrato de reparación de firmes. Así, efectuarase a reposición do pavimento de lousas de formigón nas rúas San Jorge e San Ignacio, mentres que na rolda de Outeiro e Mestranza se repoñerá o aglomerado asfáltico. Ademais procederase a pintar a sinalización vial da rolda de Outeiro, a avenida de Finisterre, Metrosidero, Mestranza e Entrejardines.











