Comezan as obras de humanización da avenida de Vigo en Ponte Caldelas

Área na que se realizan os traballos
Operarios da empresa adxudicataria, Construcións Pérez Abilleira, comezaron as obras de humanización da Avenida de Vigo e o seu ámbito, en Ponte Caldelas, que contan cun presuposto de execución que supera os 93.000 euros, dos cales a Consellería de Economía e Industria achegará o 75% (70.278 euros) e o Concello, o resto.
Con estas obras, o Concello de Ponte Caldelas pretende mellorar o aspecto urbano, a accesibilidade e dinamizar o comercio local existente nesta zona aproveitando os Fondos Feder da Unión Europea. Os traballos que agora se acometen consideran a construción de 2 pasos de peóns elevados, un fronte ao parque infantil e outro ao comezo do paseo do río. Ademais substituirase toda a antiga beirarrúa no ámbito do parque infantil (cale Rosalía de Castro e Concepción Areal), que se encontran moi deterioradas incorporando o ámbito do parque infantil o proceso de modernización levado a cabo noutras zonas comerciais da vila. Así mesmo dotarase á Avenida de Vigo de novos farois, similares ao resto da zona urbana, en substitución das existentes nas fachadas, que serán retiradas.
Ademais procederase ao pavimentado desa rúa así como ao pintado, sinalización e ordenación das prazas de aparcadoiro existentes que provocará que só se poida estacionar nunha das marxes da vía, toda vez que o ancho da rúa non permite facelo en ambos os dous lados. O que se pretende é que o aspecto desta zona estea acorde coas demais rúas do ámbito, tanto no pavimentado como nas beirarrúas e farois ao tempo que se mellora a seguridade vial.
UNHA PETICIÓN AO CONCELLO DA MESA LOCAL DE COMERCIO E OS VECIÑOS DA ZONA
Estas obras que agora acomete o Concello, coa subvención da Xunta, son a resposta municipal á petición formulada polos membros da Mesa Local de Comercio e veciños da zona que o equipo de Goberno asumiu como propias e que agora se concreta.
Na Avenida de Vigo sitúase tamén unha galería comercial que comunica este vial urbano co parque infantil e as inmediacións do centro escolar Cordo Boullosa. En total hai máis de 25 locais e establecementos comerciais nesa zona que se verán beneficiados por esta actuación que agora comeza.
Pola súa banda, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa satisfacción polo rápido comezo das obras que esperan estean rematadas para o inicio da tempada do Nadal. Así mesmo, destacou que “nestes momentos de especial dificultade, estamos intentado xerar sinerxías con outras administracións co fin de conseguir o máximo de investimentos no noso municipio co menor custo posible para as arcas municipais. Esta obra na Avenida de Vigo é unha vella aspiración que agora, grazas á Xunta, poderemos acometer para favorecer a humanización desta rúa, integrala con outras da vila que foron reformadas nos últimos anos, ao mesmo tempo que damos resposta ás demandas do comercio local e dos residentes nesta zona,” concluíu o rexedor municipal.











