Comeza un novo curso en Ourense do proxecto Enredando, artesanía na escola
A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, iniciou nas localidades ourensás de Rairiz de Veiga e Sarreaus un novo curso do proxecto Enredando, artesanía na escola co fin de achegar aos escolares o traballo dos profesionais da artesanía galega.
A iniciativa, que chega á súa terceira edición e que neste primeiro trimestre do ano chegará a centros educativos de 17 localidades galegas, permitirá ao alumnado coñecer de preto as tarefas diarias do sector artesán a través da organización de demostracións nos colexios, visitas aos obradoiros e outras actividades transversais aos programas educativos.
Os obxectivos principais desta actividade son concienciar á sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; incidindo así no relevo xeracional nos oficios máis tradicionais, promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.
Enredando, artesanía na escola é un proxecto enfocado a educación infantil, primaria e secundaria de diferentes colexios da nosa comunidade. Ao longo do curso 2013/2014 presentarase a segunda fase da unidade didáctica O Gremio da seda, orientada a explicar, dun xeito práctico, como é o proceso de obtención da seda.
Deste xeito, o alumnado poderá coñecer e participar no proceso de produción da seda, dende a cría e evolución dos vermes ata a extracción desta para a confección do fío e a elaboración das teas empregando os teares. A execución do proxecto contará coa supervisión dun artesán para controlar a a súa evolución e realizará demostracións.
Ademais do CEIP Antonio Vázquez, de Rairiz de Veiga, e o CEIP de Sarreaus, que acollen hoxe o proxecto didáctico, o percorrido de Enredando, artesanía na escola, continuará este primeiro trimestre por Sandiás (Ourense) e os concellos coruñeses de Cerceda, Frades, Ordes, Tordoia e Trazo. Na provincia de Lugo celebrarase en Begonte, Cospeito, Guitiriz e Vilalba; e no tocante a Pontevedra, a iniciativa chegará aos concellos de Agolada, Lalín, Rodeiro e Silleda.