Comeza o novo obradoiro de emprego do Carballiño
Este mércores foi presentado o novo obradoiro de emprego do Carballiño, que baixo o nome Agrupación Carballiño-San Amaro, acollerá a un total de 28 traballadores, entre alumnos e cadro directivo e docente. Todos eles foron recibidos hoxe polo alcalde e a edil de Traballo, animándoos a que aproveitasen esta experiencia, como ferramenta perfecta para abrir novas portas no mercado laboral.
Este novo obradoiro, que conta cun investimento de 250.000 euros, desenvolverase nos concellos de San Amaro e O Carballiño, cun módulo de xardinaría no primeiro, e dous módulos, xardinaría e albanelaría, na vila do Arenteiro. En total son 22 alumnos, repartidos nestes tres módulos, e seis docentes e cadro directivo.
No Carballiño as obras que realizarán durante estes seis meses que dura o obradoiro, centraranse na nova praza da Veracruz, creando os bordos para delimitar as zonas verdes e os xardíns, e outros traballos englobados nos dous módulos que operarán na vila.











