Comeza a mellora do xardín da praza do Concello co replanteamento da obra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Na xornada de hoxe comezaron os primeiros traballos de axardinamento da praza do Concello (o replanteo da obra) polo que dende hoxe verase toda a zona na que se vai traballar acotada con valos de obra, segundo informou esta mañá a concelleira responsable de Parques e Xardíns, Anxos Riveiro.

Este proxecto está incluído dentro dun máis amplo que afecta aos Xardíns de Vicenti e da avenida de Montero Ríos, e que ten un orzamento duns 150.000 euros. Os traballos nas Palmeiras, que comezaron logo das festas do verán, xa están rematados e consistiron na instalación de rego automático programado en todo o parque (até o de agora era automático, pero había que activalo manualmente). Os traballos na avenida de Montero Ríos consisten no saneamento e mantemento das especies vexetais nobres que se atopan na zona.

A última parte do proxecto é a intervención na praza do Concello, onde está previsto a mellora do xardín de entrada á Alameda coa instalación de rego automático, plantación de novas árbores e especies arbustivas, e completarase a intervención con céspede. Finalmente tamén se procederá a mellora dos paseos de xabre, resituaranse as balizas para conseguir a aliñación correcta ao respecto das escaleiras da Alameda, e colocarase un sistema de drenaxe de augas pluviais.

22 de outubro de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.