Clausúrase en Burela a exposición itinerante sobre Roberto Vidal Bolaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Roberto Vidal Bolaño clausuraron esta mañá a exposición “Roberto Vidal Bolaño”. A mostra, promovida pola Xunta de Galicia co gallo de achegarlle á cidadanía a vida e a obra do dramaturgo compostelán, fixo parada desde o pasado 23 de setembro na Casa da Cultura de Burela (un dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística que acolle o proxecto), onde aínda se pode visitar ata mañá.

No acto de peche participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado polo rexedor municipal, José María González Barcia, e mais polo presidente de honra da Asociación Roberto Vilar Bolaño, Manuel Quintáns Suárez. Tamén estiveron presentes o xefe territorial de Cultura e Educación en Lugo, José Jesús Ramos Ledo, e alumnado e profesorado dos equipos de dinamización lingüística dos IES Monte Castelo e Perdouro. Ademais dunha visita guiada pola mostra, o acto contou cun coloquio centrado na figura de Roberto Vidal Bolaño, a cargo de Manuel Quintáns.

Achegarlle a figura de Vidal Bolaño á cidadanía

Esta exposición enmárcase no programa de actividades impulsado por Cultura e Educación para conmemorar as Letras Galegas 2013, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, e dá conta da traxectoria de Vidal Bolaño mediante unha proposta de dez paneis que recollen a súa extensa obra con textos e imaxes dos seus espectáculos e personaxes, así como indicacións escenográficas e de dirección. Ten como obxectivo favorecer un maior coñecemento entre a cidadanía do autor, a través da súa escrita, da súa faceta interpretativa, do seu traballo como director e tamén da actividade desenvolvida no ámbito do audiovisual galego.

O proxecto itinerante iniciou o seu percorrido polas catro provincias galegas en Santiago de Compostela, o pasado 14 de xuño. Logo do seu paso polos concellos de Tui, Ribadavia, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, A Coruña, Lugo e Burela, chegará este mesmo venres a Ferrol. Cinco paradas máis completarán a itinerancia da exposición “Roberto Vidal Bolaño” ata finais de ano: Carballo, Verín, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Itinerancia nas catro provincias galegas

As seguintes localidades que acollerán a mostra durante este mes serán Ferrol, do 11 ao 24 na Biblioteca Municipal; Carballo, en cuxo Auditorio Municipal estará exposta do 25 ao 29 dentro da programación da XXII edición do Festival Internacional Outono de Teatro, co que colabora a Consellería de Cultura e Educación; e Verín, onde se poderá ver na Casa do Escudo do 29 de outubro ao 11 de novembro.

Xa en novembro, a mostra recalará na biblioteca nodal da cidade de Ourense do 12 ao 30, mentres que as paradas correspondentes ao derradeiro mes do ano se farán en Pontevedra, do 2 ao 16, tamén na biblioteca nodal, e en Vigo, do 17 ao 31 de decembro no Museo do Mar.

9 de outubro de 2013 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.