Clausurada en Santiago a exposición de fotografía “A Enxeñaría Industrial na Sociedade”

Clausura da exposición fotográfica
A Delegación en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia clausurou a exposición de fotografía “A Enxeñaría Industrial na Sociedade”, que estivo exposta durante as tres últimas semanas na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela onde rexistrou un éxito importante en canto a visitantes. Ademais dos propios usuarios do edificio (estudantes, profesores e persoal de administración e servizos), a mostra tamén atraeu a numerosos colexiados da área de Compostela.
A exposición foi organizada pola Delegación de Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, en colaboración coa Revista Galega de Enerxía Dínamo-Técnica cuxo director, o profesor da USC Fernando Blanco Silva, foi o encargado de clausurar o evento e de comentar as imaxes cos presentes.
“A Enxeñaría Industrial na Sociedade” recolle as mellores imaxes do concurso de fotografía organizado en 2012 polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e a Asociación de Enxeñeiros Industriais. Un certame gañado por Johny Santiago Ríos, coa súa fotografía “Fábrica de Ence, en Lourizán (Pontevedra) “. Un premio que este veciño de Vigo obtivo despois de sumar os votos conseguidos en Facebook, os votos recibidos presencialmente durante as exposicións realizadas nas distintas sedes do Colexio en Galicia e o voto do xurado do certame.











