Cinco federacións e asociacións de comerciantes coruñesas percibirán 250.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Concédense axudas por 248.339 euros a cinco federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal da provincia da Coruña. Estas achegas –que recibirán outras 15 entidades do resto da comunidade- servirán para a posta en marcha de actuacións de dinamización da demanda comercial e iniciativas encamiñadas á promoción das vendas.

As entidades beneficiarias son a Federación de Comerciantes da Coruña, a Federación de Empresarios do Barbanza, a Federación de Empresarios da Costa da Morte, a Federación Unión de Comercios da Coruña e o Gremio Provincial de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros da Coruña. Das 15 restantes de Galicia, catro son de ámbito autonómico e tamén recibirán subvencións por importe de 288.000 euros: a Federación Galega de Comercio, a Federación de Prazas de Abastos de Galicia, a Federación de Libreiros de Galicia e a Federación de Autónomos de Galicia.

A través das axudas presentadas hoxe concédense apoios que chegan ata os 112.000 euros no caso das federacións que contan con 30 ou máis asociacións federadas. Para as federacións que non alcanzan este número de membros, as axudas chegan ata os 32.000 euros. No caso das asociacións, os apoios son de ata 10.500 euros. En todos os casos, a axuda da Consellería de Economía e Industria supón un 70% do investimento a realizar.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, valorou a resolución deste programa, remarcando o importante labor que desenvolven as asociacións de comerciantes no fortalecemento do sector. Neste sentido, salientou que con este programa que vén de resolverse a Consellería de Economía e Industria suma preto de 3,5 millóns de euros destinados no que levamos de ano ao impulso do asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade.

Ademais das axudas para federacións e asociacións supramunicipais, no eido do asociacionismo comercial a Consellería de Economía e Industria tamén destinou preto de 2.000.000 de euros ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos, das cales se están a beneficiar 48 CCAs e 23 asociacións de mercados galegos. Tamén está en marcha un acordo de colaboración coa Federación Galega de Comercio co que se promoven diferentes actuacións para o impulso ás vendas e o emprendemento no sector.

Xunto co asociacionismo comercial, o fomento da utilización das tecnoloxías da información e a comunicación ou o apoio aos concellos na renovación das infraestruturas comerciais son outros dos piares da estratexia de apoio ao comercio de proximidade da Xunta de Galicia, dentro da cal se levan activado ao longo deste ano programas de axudas por un total de máis de 8,5 millóns de euros.

8 de outubro de 2013 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.