CIM e Escola Galega de Saúde abren o prazo para o curso de coidados a pacientes con úlceras por presión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O CIM de Ortigueira reforza o seu programa formativo “Muller e saúde” coa oferta dun novo curso en colaboración coa Escola Galega de Saúde para cidadáns. A iniciativa, que se desenvolverá en novembro, está orientada, nesta ocasión, a coidadores de persoas úlceras por presión. O prazo para anotarse está aberto.

O curso, que terá lugar o 22 de novembro e será impartido por Juan Santiago Cortizas, enfermeiro do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide, está especialmente concibido para os que se ocupan do coidado de veciños con problemas de dependencia.

Así, no programa abordarase a importancia das úlceras de presión como principal problema nas persoas encamadas, factores e zonas de risco, e prevención das UPP. O reto, mellorar as habilidades dos coidadores formais e informais de pacientes no manexo das úlceras por presión tanto na prevención coma no coidado.

Dado que as prazas son limitadas, o CIM anima a todas as persoas interesadas a inscribirse canto antes, chamando ao teléfono 981 402542. A actividade, totalmente gratuíta, realizarase no Centro de Participación Social, antigo hospital de San Roque, entre as 16:30 e as 19:30 horas.

Recordan dende a Concellaría de Benestar Social que a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da Xerencia do Sergas está orientada á formación de pacientes, familias e cidadáns en materia de saúde, para mellorar a súa calidade de vida e potenciar a súa participación segura nas decisións sobre os seus procesos e enfermidades, así como facilitar que coñezan os servizos sanitarios para contribuír a un uso eficiente destes.

23 de outubro de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.