Chegan a Ponte Sampaio os roteiros temáticos do patrimonio rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Patrimonio Histórico organiza mañá, 26 de outubro, o roteiro temático do patrimonio rural en Ponte Sampaio, que estará adicado ás pontes e aos camiños históricos. Dará comezo ás 10.00 horas na ponte de Ponte Sampaio e ten unha extensión duns 8 km, con unha duración estimada de tres horas e media ou catro.

Visitaranse os seguintes lugares: A Ponte, A illa de Medal, A Ponte Nova, A Vrea Vella da Canicouva (camiño portugués), o monte do Castro, o Pozo Negro, o muíño de Barreiro, a Pedra Furna, a igrexa parroquial e casa reitoral de Ponte Sampaio. O obxectivo do percorrido é salientar a importancia histórica deste espazo no eixo de comunicación N-S desde a época romana (e pre-romana); as diversas infraestruturas de comunicación construidas ao longo dos tempos: via romana, camiño portugués, camiño medieval, camiño real, vía do tren…; a función de limes (fronteira) entre a Gallaecia lucense e bracarense do río Verdugo; a traza da vía romana XIX a partir dos achados de miliarios en Arcade, desembocadura do Ulló, e os tres miliarios de Paredes (Vilaboa); a construción de viadutos para salvar os cursos de auga desde a época romana até a actualidade; a función defensiva e fiscal do castelo de San Paio de Luto na Idade Media…

A asistencia é libre e gratuíta, non é necesaria a inscrición previa. Deberá levarse roupa e calzado axeitado para andar por pistas, camiños rurais e monte.

25 de outubro de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.