Charlas sobre a seguridade dos maiores nas parroquias de Teo
A concellaría de Benestar e Igualdade, dirixida por Ignacio Iglesias, programou en colaboración con varias asociacións veciñais varias charlas do Plan Maior Seguridade da Garda Civil, nas que se trata a prevención e a mellora da seguridade das persoas maiores. Esta actividade vai dirixida dun xeito específico a ese colectivo, moi vulnerable sobre todo na zona rural, fronte a abusos como roubos, estafas ou mesmo maltrato.
As charlas realizaranse en varias parroquias en coordinación coas asociacións de veciños que amosaron unha moi boa disposición con esta actividade de carácter práctico. A primeira será en Solláns este xoves 17 de outubro ás 20:00 horas no local da Baiuca. O 18 de outubro será en Lampai e o 30 deste mesmo mes en Vilariño, as dúas ás 20:00 horas. Está previsto que en novembro se realicen en Luou o 7 ás 19:00 horas e en Bamonde e Rarís, estas últimas aínda pendentes de confirmar. Tamén en Francos se fará máis adiante, seguramente no mes de decembro.
O Plan Maior Seguridade impulsado polo Ministerio do Interior a través da Garda Civil contra entre as súas accións con estas charlas nas que un funcionario das forzas de seguridade do Estado informa sobre os principais problemas de seguridade cos que se poden atopar as persoas maiores. Os roubos nos domicilios ou no entorno das entidades financieras, os tiróns, as estafas, o uso fraudulento dos seus aforros ou mesmo o maltrato son algúns dos elementos sobre os que se informará neste encontro. Faranse recomendacións sobre a mellor maneira de previr este tipo de incidentes ou que facer no caso de ser vítima dun delito.











