Cervo xa ten operativo o punto limpo

Visita ao novo punto limpo de Cervo
Púxose en servizo o punto limpo de Cervo, unha instalación para a xestión dos residuos especiais, xa sexa polo seu volume ou perigosidade. O conselleiro Agustín Hernández visitou estas instalacións, que funcionan dende o pasado mes de xullo.
O Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, realizou unha achega económica de 270.000 euros para facer realidade este punto limpo ubicado no polígono industrial de Cuíña.
As instalacións dispoñen de dúas plataformas a distinto nivel, unha elevada a 1,45 metros por riba da outra, quedando separadas a zona de carga da de descarga e co desnivel axeitado para facilitar a vertedura en colectores.
Esta nova infraestrutura, que supón o punto limpo número 30 da provincia de Lugo, consta de 28 contedores (para madeira, roupa, cartón, envases…) e inclúe un almacén de RAAES (Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos).











