publicidade hoxe

Catoira acollerá a presentación dunha guía para previr a ciberdependencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

O Concello de Catoira, en colaboración co Colexio Público Integrado Progreso, está a desenvolver un programa de prevención da ciberdepencia, que inclúe a edición e distribución dunha guía que será presentada mañá, ademais de charlas informativas.

O programa de prevención da dependencia das tecnoloxías da información e comunicación (tics), iniciado o pasado curso, diríxese ó alumnado dende 5º de Primaria a 4º de ESO. Ás 170 familias de Catoira con estudantes destes cursos, envióuselles a semana pasada un exemplar da guía Os nosos fillos e as tecnoloxías da comunicación e información, elaborada e editada polo Concello de Catoira, que pretende ser un documento que lle permita ós pais/nais reflexionar sobre a presenza das TIC nos seus fogares e como establecer acordos e normas sobre o seu uso. Para falar sobre este tema e presentar a guía, o alcalde, Alberto García, estará acompañado de José Torres, garda civil do equipo de investigación tecnolóxica da Comandancia de Pontevedra. A presentación será mañá, martes 22, ás 19:30 horas, no Edificio Multiusos. Pola mañá, a partir das 11:00 horas, Torres tamén acudirá ó CPI Progreso para falar co alumnado do Colexio sobre este tema. Ademais, o mércores 23 ás 19:30 horas, o técnico informático Simón Villanustre, explicará nunha sesión práctica na Aula CeMIT cómo establecer normas e controis parentais nas TIC.

O programa de prevención da ciberdependencia responde a un dos novos problemas ó que se teñen que enfrontar os menores, e que os pais e nais teñen que asumir, como é o uso das tics: móbiles, internet, redes sociais, chats, videoxogos, etc. As enquisas demostran que cada vez son máis os adolescentes que dedican máis horas das recomendadas a eses aparellos, e que, na maior parte dos casos, os pais descoñecen as posibles consecuencias negativas que se poden derivar destas condutas, como son o acceso a contidos nocivos ou ilegais. A razón principal que motiva este descoñecemento é, para moitos pais, a falta de información sobre estes novos recursos de internet, xa que son hábitos de consumo moi recentes. Ademais, a telefonía de terceira xeración permite unha maior independencia do menor e falta de control por parte dos pais á hora de coñecer a utilización que fan os fillos de internet, chegando a falarse xa en moitos casos de ciberdependencia.

21 de outubro de 2013 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.