Carral sobre rodas co 6º día do patín e a inauguración do novo Skatepark

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarralDeportes
A-
A+

Hoxe sábado o Concello de Carral e o club de patinaxe Alquimia organizaron o “VI Día do Patín” no Complexo Cultural e Deportivo de Paleo. Esta competición, que nesta alcanza a súa sexta edición, ten a finalidade de fomentar unha práctica activa e saudable a través dunha disciplina deportiva que tantos “adictos” reúne en Carral.

Acudiron escolas/clubs de Laracha, Ordes, Cambre, A Coruña e Ferrol, ademais de numerosos afeccionados a este deporte. En total inscribíronse 109 patinadores e afeccionados, o que consolida o aumento de participantes que se vai marcando ano tras ano. A xornada festiva comezou arredor das 11.00 da mañá e prolongouse ata as 20.00 h, facendo unha pequena pausa ao mediodía para comer. Durante o día levaranse a cabo actividades lúdicas como a decoración e pintado de patíns e camisetas, clases e nocións básicas do mantemento dos patíns, proxección de gravacións de campionatos da especialidade, clases de iniciación para os novatos, xogos para os máis pequenos, elaboración de coreografías, minihokey clases de descenso e para finalizar a xornada, realizouse unha carreira de orientación por todo o Complexo. A inscrición foi totalmente gratuíta tanto para os clubs e escolas como para os patinadores individuais que se achegaron polo Complexo.

Enmarcado tamén deste día lúdico, levouse a cabo unha xornada de formación de profesorado en Freestyle Slalom. Esta actividade, foi organizada por ADC Alquimia Inline e Decathlon Marineda, e estaba orientada para que diversos profesores e/ou persoal de Decathlon se formasen nesta nova modalidade da patinaxe sobre rodas. Constou dunha parte teórica (10.00 a 12.00 h) seguida dunha parte práctica (12.30 a 15.00 h e de 17.00 a 19.00 h) que se levou a cabo nas diversas instalacións municipais.

Inauguración Skatepark

Por outra banda, hoxe sábado ás 16.00 h tamén tivo lugar a inauguración da nova pista de skateboard de Carral, situada na Área Recreativa do Río Brexa. Ao acto, presidido polo alcalde da localidade, José Luis Fernández Mouriño, acudiu o Secretario Xeral de AGADER, Severino Álvarez, e varios membros da Corporación Municipal.

Tras unhas palabras de presentación, varios membros da pena ATT de bicis BMX, realizaron unha pequena demostración das súas habilidades sobres as 2 rodas, arrancando os aplausos do público en varias ocasións cos 360º, os Nose Manual, Fakie, etc. A continuación, foi o mítico Iván Maroña, skater dos 90 e referencia deste deporte a nivel galego e nacional, o que nos asombrou coas súas habilidades sobre o monopatín.

19 de outubro de 2013 | 22:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.