Calvo convida aos empresarios de Sabón a explorar a vía do turismo industrial para xerar riqueza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Calvo na clausura da xornada

Calvo na clausura da xornada

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, ofreceu esta mañá o relatorio de clausura da xornada “A colaboración público-privada na dinamización das áreas empresariais” organizada pola Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón. Durante a conferencia “Turismo Industrial” Calvo falou das posibilidades de “potenciar e dinamizar as áreas empresariais pasando pola explotación complementaria deste sector”, un sector que promove dende a presidencia da Rede Española de Turismo Industrial.

Son consciente de que pode soar estraño para un empresario afeito a centrar en producir, e seguro que moitos deles nin sequera llelo formularon, pero este turismo abre unha nova vía de negocio da que poderemos beneficiarnos todos”, afirmou o presidente.

Diego Calvo reiterou que o Turismo Industrial ten grandes beneficios no mercado actual: “Agora hai que poñer atención a outras facetas como mostrar nosa empresa e abrir as instalacións ao público, presumir dos nosos traballadores e do noso produto”, explicou o presidente.

Centrándose no caso concreto do polígono de Sabón, Diego Calvo asegurou que serían moitos os veciños e visitantes interesados en coñecer empresas situadas neste parque empresarial “de primeira división”.

Sobre a colaboración público-privada, tema sobre o que xiraron os diferentes relatorios da xornada, Calvo destacou que Sabón é un bo exemplo “pois aquí se xunta o traballo de dúas administracións como son a Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo, e o da asociación de empresarios”.

Neste sentido, o presidente recordou o protocolo asinado a tres bandas o pasado mes de xuño para a cesión do polígono de Sabón, de titularidade provincial neste momento, ao Concello de Arteixo nun prazo máximo de 5 anos, tempo no que se concluirán as actuacións necesarias de mellora ou renovación de infraestruturas.

“O labor da Deputación da Coruña como administración promotora deste polígono chegou á súa fin e, por lóxica, é o momento de que o Concello de Arteixo xestione o polígono, englobándoos así no seu patrimonio e xestión municipal”, explicou o mandatario provincial.

24 de outubro de 2013 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.