Cabanas pon en marcha “Artabria Emprega II”
O programa integrado de emprego “Artabria Emprega”, financiado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e no que se agrupan diferentes municipios do entorno do Eume, volverá este ano a poñerse en marcha. Nesta segunda edición, ademais de Cabanas, Fene, Mugardos, Pontedeume e Neda tamén participará o concello de Ares como novidade.
O obxectivo que se persegue volverá a ser o de facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para a súa incorporación ó mercado de traballo, combinando a prospección de mercado coa formación dos usuarios atendidos dentro do programa. Desta forma terase especialmente en conta a participación de persoas con discapacidade, menores de 30 anos en busca do seu primeiro emprego, persoas desempregradas como consecuencia dunha crise empresarial, persoas desempregradas de longa duración, especialmente os maiores de 45 anos e as mulleres, tendo en conta tamén aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia.
O número total de participantes nesta segunda edición de “Artabria Emprega” será de 90 entre todos os concellos participantes, marcándose como obxectivo de inserción o 35% destes participantes. O programa xa deu comezo o día 15 de outubro, estando previsto facer nos próximos días a selección de candidatos dun listado que será facilitado polo Servizo Público de Emprego, sendo esta a primeira das etapas do proxecto. Posteriormente procederase a unha consultoría individual e grupal para logo acceder a un período de formación e rematar cun seguimento da inserción laboral. Está previsto que o programa teña unha duración dun ano, rematando o 14 de outubro de 2014.
En total o presuposto co se conta para as accións será de 169.411,76 euros, dos que 144.000 serán aportados pola Consellería de Traballo mentres que os restantes 25.411,76 euros será a conta dos concellos que toman parte no programa.











