Brión retoma as actividades dedicadas a Vidal Bolaño con tres representacións teatrais gratuítas

Espello Cóncavo representará este sábado “Anxeliños”
O Concello de Brión retoma as actividades dedicadas a Roberto Vidal Bolaño, ilustre dramaturgo ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que foi veciño de Brión durante os últimos anos da súa vida. Por iso, o Concello de Brión elaborou un amplo programa durante todo o ano, con máis de trinta actividades, entre as que figuran tres representacións gratuítas de pezas de Vidal Bolaño por compañías profesionais, que terán lugar durante estes dous últimos sábados de outubro e o sábado 30 de novembro.
O programa abrirase este sábado 19 de outubro coa compañía Espello Cóncavo que, dirixida por Arturo López, representará “Anxeliños”. Unha obra que trata un tema moi de actualidade hoxe en día: a crise económica. “Anxeliños” conta a historia de Charli, propietario dunha axencia de cobro de morosos case en quebra a quen o seu irmán, un profesional do crime, lle ofrece axuda para reflotar a empresa a cambio de cometer un asasinato. A cita é no centro social polivalente de Brión, ás 20:30 horas. A entrada é libre e de balde.
Sete días despois, o próximo sábado 26 de outubro, será a quenda de Teatro O Manolo, que porá en escena a obra “Tres de Bolaño”, que reúne fragmentos da triloxía: “Criaturas”, “Anxeliños” e “Animaliños”. O 30 de novembro Bartoleta Teatro pechará este ciclo de representacións de obras de Vidal Bolaño con “Macki o navallas”. En ambos casos, a cita será ás 20:30 horas no centro social polivalente e a entrada será libre e de balde.











