Brión acolle un percorrido polos últimos 9 anos do pintor Fernando Yáñez na mostra “3.236 días”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendario
A-
A+
Unha das obras da mostra

Unha das obras da mostra

O pintor lucense Fernando Yáñez, veciño de Brión dende hai un ano, protagonizará a exposición “3.236 días”, unha mostra na que exhibirá unha selección dos seus mellores traballos dende 2003 ata 2012. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e docente de Educación Plástica e de Historia da Arte, esta será a primeira vez que Yáñez expoña en solitario en Brión, onde xa participou nas exposicións colectivas dos Premios Novos Valores de 2010 e 2011, convocados polo Concello de Brión.

A mostra será inaugurada este venres 4 de outubro, ás 20:00 horas, polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, e a concelleira de Cultura, Patricia Vázquez. A exposición poderá ser visitada dende este venres ata o 25 de outubro na sala municipal de exposicións (nos baixos da Casa da Cultura).

Características da súa obra

A obra de Fernando Yáñez é fundamentalmente abstracta, como se poderá contemplar na exposición de Brión. Nela poderase contemplar a evolución deste artista ao longo das súas diferentes series: “Espacios de vacío” (unha etapa monocromática e escura que reflicte os seus duros comezos como pintor en Madrid); “Réquiem” (na que predomina a cor vermella e se fala da súa relación coa música); “Lares” (unha referencia a Galicia cuxas paisaxes verdes predominan nos seus cadros); e “Telares” (unha evolución da etapa anterior na que as obras comezan a adquirir texturas).

Ademais, tamén hai algo de relixiosa na pintura de Yáñez que culmina na súa obra máis recente: “A.M.E.N.”, título que recolle os catro piares básicos da pintura: Alma, Momento, Espazo e Necesidade.

2 de outubro de 2013 | 18:32 • 1 comentario

Só temos 1 comentario, anímate a opinar

» Comentarios RSS Feed
  1. Impresionante!