Bos resultados na loita contra a violencia de xénero cos programas de concienciación xuvenil no Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO CarballiñoXuventude
A-
A+

Unha das conclusións ás que se chegou na mesa de coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero, convocada polo CIM do Carballiño, é que os programas levados a cabo nos distintos centros educativos, para sensibilizar e concienciar aos máis novos sobre esta problemática, están a funcionar á perfección, o que anima a responsable da área de Igualdade e Benestar do concello do carballiño a continuar nesta liña.

Este foi un dos puntos tratados na mencionada mesa, onde tamén se considerou unha redución do 60% dos expedientes abertos de violencia de xénero, con respecto ao ano anterior, o que supón un bo traballo levado a cabo dende o CIM, tanto coas campañas de sensibilización coma co servizo que se está a dar ás vítimas. Neste sentido detectouse tamén unha maior concienciación á hora de denunciar este tipo abusos e violencia, tanto por parte das vítimas coma por parte do seu ámbito, o que facilita o traballo dos técnicos do CIM, así como das forzas de seguridade.

A mesa, que estivo presidida pola edil Purificación Alberte, contou coa presenza dos máximo responsables da Policía Local e a Garda Civil do Carballiño, así como as técnicos do CIM carballiñés, do centro de saúde, da subdelegación do goberno e o xulgado. A anterior mesa foi convocada o pasado mes de xuño, tamén no salón de plenos do concello do Carballiño.

24 de outubro de 2013 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.