Bo ritmo na execución do proxecto de mellora das instalacións do campo de fútbol de Paiosaco
A execución do proxecto de mellora das instalacións do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco avanza a un bo ritmo de actuación. José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, concelleiro de urbanismo e obras públicas, reuníronse cos operarios no propio recinto deportivo e comprobaron persoalmente que xa está practicamente rematada a estrutura da nova sala cuberta que se está a acondicionar nun dos laterais dos vestiarios e fronte á cantina.
Esta é a parte da actuación máis importante e custosa das incluídas no proxecto. O novo espazo cuberto é diáfano e alcanza unha superficie de 86 metros cadrados. Contará con amplas cristaleiras, permitindo ter unhas excelentes vistas cara o terreo de xogo. Polas súas características, poderá ser utilizado para diversos usos, como local de reunións dos equipos ou sala de espera especialmente deseñada para que os pais dos nenos poidan resgardarse das condicións climáticas adversas durante a actividade deportiva.
Outra das actuacións que contempla o proxecto é a referida á mellora das gradas para facelas máis confortables para o público asistente. A semana pasada xa se completara a instalación dos 250 asentos plásticos de respaldo baixo. A continuación realizaranse melloras dirixidas a cortar o paso do vento na propia bancada e favorecer, deste xeito, as condicións térmicas.
Ademais o local da taquilla será cuberto e integrarase no interior do recinto deportivo, para o que será necesario realizar unha pequena modificación no muro xunto á entrada principal.
A realización destas melloras no campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco suporán un investimento de 50.000 euros, que cofinanciarán o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña.











