Bernardo Paz e Óscar Gómez proclámanse vencedores do Trofeo Cidade da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Snipes en ceñida

Snipes en ceñida

Organizado polo Real Club Náutico da Coruña o pasado fin de semana celebrábase o XLI TROFEO CIDADE DA CORUÑA – Clasificatoria para o Campionato de España para a clase Snipe.

Nun fin de semana complicado polas condicións meteorolóxicas, púidose completar o programa de 6 probas, cunha grande igualdade entre os participantes.

Na xornada do sábado, a tripulación Paz – Gómez de LC Villagarcía vencía en dúas probas, mentres que na terceira o facían Vidal – Pardo do RCN Coruña colocándose ambas as dúas tripulacións nos postos de cabeza da xeral provisional, nunha xornada marcada polo vento do sur, con continuos cambios de presión e roladas, que facían moi complicada sobre todo as cinguidas, obrigando os participantes a estar moi atento, xa que se perdías un role perdías varios postos.

Na xornada do domingo tampouco se cumpriron os prognósticos de fortes ventos, e as dúas primeiras probas navegáronse con ventos do sur e 10-14 nós de intensidade. Vitorias de Bermúdez de Castro – Jiménez e Paz – Gómez moi disputadas e con continuos cambios na cabeza ata a chegada. A falta dunha proba, a vitoria da xeral tíñaa ben apuntalada a tripulación de Villagarcía Paz – Gómez, mentres que a segunda posición aínda estaba disputada entre 3 tripulacións. A última proba levábanllela Míguez – Maciñeira, cun Campionato de menos a máis, seguidos por Vidal – Pardo en 2ª posición e Miranda – Pérez en 3ª posición.

A clasificación xeral quedaría liderada por Bernardo Paz e Oscar Gómez do LC Villagarcía con 7 puntos (1-2-1-2-1-6) constando o seu grande estado de forma, cunha velocidade superior ao resto da frota sobre todo en empopadas, segundos clasificados Roberto Vidal e José Ramón Pardo do RCN Coruña con 12 puntos (2-1-5-6-2-2) algo irregulares pero con boa velocidade, estiveron sempre en postos de podio, terceiros clasificados Manuel Bermúdez de Castro e Nacho Jiménez do CM Canido con 17 puntos (6-6-2-1-4-4), cuartos clasificados Marcos Míguez e Enrique Maciñeira con 18 puntos (4-7-7-3-3-1) e quintos clasificados Miguel Cid e Carmen Mateo con 22 puntos (3-4-4-OCS-6-5).

Ás 16:30 horas celebrouse a entrega de trofeos do XLI Trofeo Cidade Da coruña, unha clase con gran tradición Na coruña, e especialmente no Real Club Náutico. Os trofeos aos vencedores foron entregados polo vice-presidente D. Javier Ojea.

21 de outubro de 2013 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.