Benestar Social pon en marcha un programa para favorecer o desenvolvemento de menores con dificultades sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, presentou esta mañá o programa “Apoio socioeducativo aos nosos menores”, enmarcado dentro do proxecto Ferrol en familia que forma parte do Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal que dirixe Jose Manuel Rey Varela.

Martínez Beceiro explicou que o obxectivo principal do programa é “traballar cos menores, promovendo as condicións adecuadas para favorecer o seu desenvolvemento integral, especialmente de aqueles que se atopan en situación de dificultade social”. Esta proposta responde á necesidade detectada polas traballadoras sociais do Concello de Ferrol, principalmente na Unidade Básica de Técnicos de Servizos Sociais (UBTS) de Caranza, dun programa que vaia dirixido a menores cuxas familias sexan usuarias dos servizos sociais do Concello de Ferrol e que abarque tanto o apoio educativo como o traballo na adquisición de hábitos de hixiene, habilidades sociais e o desenvolvemento de condutas responsables, entre outros.

O programa “Apoio socioeducativo aos nosos menores” dará comezo o vindeiro martes, día 8, e terá lugar todos os martes de 17 a 19 horas no Centro Cívico de Caranza. Así mesmo, esta proposta da área de Benestar Social contará coa colaboración de tres persoas inscritas na Oficina Municipal de Voluntariado. A responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol sinalou que “a intervención centrarase no menor, pero inclúe, nos casos que se considere necesario, o traballo coa unidade de convivencia a través de visitas ao domicilio familiar”. Esta actuación será individualizada, axustándose ao perfil de cada familia e se ofrecerá tamén un apoio educativo e social onde se traballarán, entre outros, os seguintes aspectos: habilidades sociais, adquisición de hábitos adecuados, hixiene e educación sexual.

Entre os obxectivos que pretende alcanzar este programa de apoio destacan  apoiar aos menores no cumprimento das súas tarefas escolares; e previr, paliar ou reducir situacións de crise en familias con necesidades ou dificultades, posibilitando o seu desenvolvemento integral. Así como, facilitar un lugar propicio onde os menores poidan realizar as súas tarefas escolares e capacitar ás familias para facer fronte de maneira satisfactoria as súas necesidades, centrándose especialmente nos menores. A concelleira de Benestar Social destacou a importancia “do grado de implicación das familias dos menores”.

Áreas de traballo do programa

Este programa de apoio socioeducativo, dirixido aos menores, ten diferenciadas dúas áreas de traballo. A primeira fase está centrada no apoio educativo que recibirán por parte dunha educadora social que estará apoiada polo voluntariado no local da AVV de Caranza. A educadora traballará de maneira paralela cos menores os hábitos de hixiene, habilidades sociais, adquisición de comportamentos adecuados…

Por outra banda, a segunda fase do programa será a intervención familiar, nos casos en que a educadora social, xunto coa traballadora social de referencia da familia do menor, consideren necesaria a mesma. Esta actuación será estendida ao ámbito familiar, traballando no domicilio do menor os aspectos con carencias para o seu desenvolvemento integral.

2 de outubro de 2013 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.