Benestar Social anima aos coidadores de dependentes a unirse aos grupos de apoio
A Concellaría de Benestar Social retoma a próxima semana os grupos de axuda mutua entre coidadores de persoas dependentes do municipio. Con este motivo, abre un prazo de inscrición para os que queiran participar nos encontros desta rede de apoio, encamiñada a mellorar a calidade de vida tanto das persoas con dependencia coma dos que os atenden na súa vida diario.
O departamento municipal pretende reactivar este mes o ciclo de reunións realizado dentro do programa municipal de atención á dependencia, para proporcionar un apoio social e psicolóxico, preto dos seus domicilios, aos veciños e veciñas que coidan dos seus familiares dependentes.
A idea do departamento de Benestar é programar inicialmente sesións mensuais nos dous principais entidades de poboación da localidade: Ortigueira (xoves 24, ás 18 h) e Espasante (xoves 31, ás 17 h). Non obstante, explícase que se poderían crear grupos adicionais naquelas parroquias onde exista unha demanda mínima.
A iniciativa pretende poñer en contacto a veciños que viven situacións similares, de maneira que poidan intercambiar experiencias e habilidades nos coidados, recibir e prestar apoio emocional e saír do illamento, mellorando a súa autoestima e situación vital. En paralelo, Benestar Social aproveitará as reunións para proporcionar formación aos participantes que lles permita previr problemas asociados ás tarefas de coidado e aumentar a súa capacidade para afrontar situacións difíciles.
As persoas interesadas en participar poden anotarse chamando ao departamento de Benestar Social (tlf. 981 402542) ou directamente presentándose nos centros citados o día e hora en que están programadas as reunións.











