publicidade hoxe

Belén do Campo reúnese co rexedor de Vedra para analizar os proxectos da Xunta no concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVedra
A-
A+
Reunión de Belén do Campo e Carlos Martínez

Reunión de Belén do Campo e Carlos Martínez

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo na Coruña un encontro de traballo co alcalde de Vedra, Carlos Martínez. Na reunión, Do Campo e Martínez analizaron a situación dos diferentes proxectos que desenvolve o Goberno autonómico no municipio e as necesidades actuais.

O rexedor aproveitou a xuntanza para trasladarlle as demandas do concello ao Executivo galego, que pasan fundamentalmente por actuacións de mantemento nas instalacións educativas da localidade, a posta en marcha do obradoiro de emprego que Vedra desenvolverá conxuntamente co concello de Boqueixón e a dotación de novas infraestruturas de uso público. Pola súa banda, a máxima representante do executivo autonómico na provincia comprometeuse a estudalas e a traballar intensamente para atendelas no menor prazo de tempo posible.

Ademais, Do Campo expresoulle ao primeiro edil “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” con fin de obter a coordinación necesaria coa administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar a calidade de vida dos habitantes de Vedra.

Na mesma liña, os responsables autonómico e local analizaron os traballos que se acometerán en Vedra ao longo deste ano e o que ven a través do Plan de Mellora de Camiños, que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). O municipio recibirá unha achega de 50.533 euros para “impulsar a modernización e reforma de vías interiores que serven para a comunicación das distintas zonas rurais”, explicou a delegada.

A de hoxe foi unha reunión de traballo enmarcada na rolda de contactos que a delegada da Xunta na Coruña realiza de forma periódica cos responsables locais dos 93 municipios da provincia para coñecer de primeira man a realidade de cada concello.

9 de outubro de 2013 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.