Balakandra invadirá o Torrente Ballester de Ferrol cos seus ritmos de blues, rock, folk e sons latinos
A banda Balakandra subirase pasadomañá xoves, día 31, ao escenario da capela do Centro Cultural Torrente Ballester dentro do ciclo “As Noites en Capela”, da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, para presentar o seu último traballo discográfico “Balakandra”. O concerto comezará ás 21:00 horas e as entradas pódense adquirir de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou ben a través de Internet, na páxina www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
O grupo Balakandra nace en San Sadurniño a principios do ano 2004 no seo do mítico grupo Saraibas, froito das inquietudes musicais de varios dos seus membros que trataban así de dar renda solta aos seus coñecementos de outros estilos e técnicas musicais. Co “parón” do grupo Saraibas, a idea de Balakandra comeza a coller forza e a asentarse como grupo. No ano 2004, a banda toca por gran cantidade de salas e festivais de toda Galicia. “Balakandra”, o seu último álbum, achéganos a unha viaxe sonora polo mundo a ritmo de blues, rock, folk e sons latinos.











