Aumenta a demanda do Certificado Internacional Europeo de Manexo do Ordenador que expide o Concello de Brión
A demanda do Certificado ECDL (European Computer Driving Licence), unha acreditación internacional europea que lle outorga ao seu posuidor un recoñecemento internacional de ter unha formación básica e completa en informática a nivel usuario, está a medrar considerablemente neste ano 2013 no Concello de Brión (unha das dúas únicas entidades habilitadas para expedir este certificado en Galicia).
De feito, se nos dous anos anteriores se outorgaron unha media de 50 certificados, “no primeiro semestre de 2013 xa levamos 40 e dende que iniciamos o novo curso en setembro imos a unha media de un ou dous exames por semana”, explica Antonio Casal, docente encargado das certificacións e coordinador dos cursos de informática que se imparten en Brión. “Foron tantas as solicitudes que tivemos que solicitar máis licencias para continuar adiante e cubrir a gran demanda destas certificacións” apunta o docente.
“Trátase dun título cada vez máis demandado por empresas e pola administración para os seus traballadores, polo que o interese que espertan as probas para obter esta credencial increméntase día a día. Proba disto é a procedencia dalgúns alumnos que, se ben na súa maioría son da área de Santiago, tamén teñen chegado de localidades máis distantes como Redondela, Vigo, A Coruña”, explica Antonio Casal. De feito, unha importante asociación compostelá está a preparar alumnos para presentarse a este exame en Brión, como xa acontecera cun grupo de alumnos do centro Forem.
“A novidosa idea das titorías dos venres, pensadas para que a xente poida recuperar días perdidos de clase e repasar o aprendido ao longo da semana, serviron tamén para darlle un pulo importante a esta credencial xa que a meirande parte dos exames lévanse a cabo no tempo de titoría”, indica o docente brionés.
Acreditación ECDL
Os exames teñen lugar no telecentro brionés, previa cita. A Acreditación ECDL está composta por sete módulos e para superar cada módulo é preciso aprobar o 75% das preguntas nun tempo máximo de 30 minutos. Cando aproban catro módulos reciben un primeiro diploma acreditativo (o ECDL-Start) e cando superan os sete reciben a acreditación ECDL.
Este certificado non só é un recoñecemento internacional de que o alumno posúe unha formación básica e completa en informática a nivel de usuario, senón que tamén supón unha garantía para as empresas e as administracións que contratan a esas persoas. As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura, no Telecentro de Comunicacións ou a través do teléfono 981 509908.
Os módulos nos que está dividido a acreditación ECDL son:
1- Conceptos básicos das tecnoloxías da información.
2- Uso do ordenador e xestión de ficheiros.
3- Tratamento de textos.
4- Follas de cálculo.
5- Bases de datos.
6- Presentacións.
7- Información e comunicación.











