publicidade hoxe

Asínase un convenio con defensa que deixa en mans do concello o mosteiro de santa catalina, as baterías e os camiños e pistas militares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocalLocal Portada
A-
A+

Por segunda vez consecutiva, o alcalde de Ares, Julio Iglesias, vén de asinar o acordo acadado co Ministerio de Defensa, polo que se prorroga o convenio de cesión en prol do Concello do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, as baterías de costa situadas na península do Segaño e Coitelada e os camiños e pistas militares enclavados no termo municipal de Ares. O acordo formalizouse unha vez que o Ministerio constatou que a administración local cumpliu cos compromisos adquiridos no anterior convenio asinado tamén polo alcalde socialista; sinatura acadada despois de que a cesión do cenobio fora retirada por Defensa ao anterior rexedor, José Manuel Cendán, por non asumir as responsabilidades municipais derivadas do correspondente convenio.

O novo acordo, concretado nunha autorización demanial por outros catro anos, permite ao Concello dispor dunhas importantes instalacións, ás que se compromete a manter como único requisito fixado no convenio asinado polo rexedor socialista esta mesma mañá.

Pero, ademais, o acordo inclúe un punto no que se especifica que nas propiedades obxecto desta autorización o Concello de Ares poderá localizar escolas e obradoiros de emprego ou entes análogos que poidan colaborar nalgunha medida na rehabilitación parcial das instalacións e en evitar a súa perda ou deterioro. Aspecto este último especialmente valorado por Iglesias con vistas ao mantemento e recuperación dos espazos cedidos.

De feito, subliñou a importancia de contar con todo este patrimonio, tanto no que se refire ao mosteiro como ás baterías, para uso e disfrute da veciñanza; aspecto que xa se está a producir, como afirmou e rexedor. A este respecto, mencionou as actuacións que xa se executaron ou están en proxecto para a recuperación destes espazos para a celebración e potenciación de eventos deportivos e culturais, como é o caso da Bailadora como centro de apoio para eventos deportivos, nomeadamente da BTT, ou da hípica, coa actuación executada na batería de Montefaro, así como o tiro con arco no propio mosteiro de Santa Catalina, onde se habilitou un magnífico campo de tiro. Tamén destacou a celebración dos numerosos eventos culturais que se celebran no cenobio grazas á Asociación de Amigos de Santa Catalina. Por todo iso, engadiu, o convenio hoxe asinado ten tanta importancia para o municipio aresán.

14 de outubro de 2013 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.