Asínase o contrato de obras de “Mellora de capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representantes da empresa Construcciones López Cao veñen de asinar na Casa do Concello o contrato administrativo de obras de “Mellora de capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)”. A adxudicación realizouse por un importe de 102.971 euros, IVE incluído e o prazo de execución estipulado é de 45 días naturais contados a partir do día seguinte ao da sinatura da acta de replantexamento. Hai que subliñar que a empresa ofertou melloras sen custo adicional valoradas en máis de 15.000 euros, como son melloras en seguridade, a saída de residuos de construción, o recrecido de pozos e arquetas, e a colocación da sinalización viaria horizontal e vertical. Tanto o Alcalde de Carballo como o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, presentes na sinatura, interesáronse pola data de comezo dos traballos.

Dende a empresa explican que o obxectivo é comezar o antes posible, especialmente para prever as variacións meteorolóxicas propias da estación. Se os trámites avanzan segundo o previsto, as máquinas poderían estar traballando a próxima semana. Hai que lembrar que o financiamento desta e outras actuacións de mellora da rodadura en varias vías do municipio vén a través dun suplemento de crédito ao que se incorporou arredor dun millón de euros do remanente de tesourería. Así, ademais de no Ferradal e Berdillo, con este crédito realizaranse melloras en viarios estruturantes de distintas parroquias que soportan un elevado nivel de tráfico, como en Nétoma-Razo.

Ademais, emprenderase o acondicionamento da contorna do cemiterio de Berdillo; o soterramento das estruturas eléctricas no lugar da Piña en colaboración do Concello da Laracha; ou a mellora do firme en 20 rúas do casco urbano de Carballo de máis de mil metros cadrados de superficie. Así mesmo, realizaranse actuacións de mellora da seguridade viaria, de substitución da caldeira do Concello e de acondicionamento da rúa Valle Inclán. De feito, os traballos de reurbanización na rúa Valle Inclán, que realiza a empresa Construcciones Vázquez y Reino, están en marcha dende o luns 28 de outubro.

31 de outubro de 2013 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.