Asinado o contrato do proxecto de Reurbanización da Rúa Valle Inclán do Carballo

Sinatura do contrato
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Diego Vázquez, director xerente de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, veñen de asinar na Casa do Concello o contrato para a realización do proxecto de Reurbanización da Rúa Valle Inclán da capital municipal, adxudicado por un importe de 165.184,34 euros, IVE incluído. O obxectivo é que os traballos poidan estar realizados antes de que remate o ano, polo que está previsto que comecen o antes posible. O prazo de execución estipulado é de 45 días.
Durante o acto de sinatura, no que tamén estivo presente o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, falouse dos detalles da actuación, especialmente do mellor xeito de facer que os traballos sexan levadeiros para os veciños e veciñas e para o sector comercial. No que respecta ao proxecto, recolle a que a vía recibirá o mesmo acabado que o treito da Rúa Desiderio Varela que transcorre entre a rúa Camiño Novo e a Rúa Colón.
Así, está previsto colocar en toda a lonxitude da rúa Valle Inclán unha calzada de lastras e beirarrúas de pedra con bordes de granito negro ao mesmo nivel que a vía. O proxecto non inclúe a dotación do mobiliario urbano, aínda que está previsto realizar esta actuación no futuro, cando rematen os traballos. Hai que lembrar que a rúa Valle Inclán ten sido obxecto de melloras hai pouco, coa substitución das redes de saneamento antigas por outras de PVC, unhas melloras que se completan agora cos traballos de reurbanización.











