As reunións do PMUS recollen as suxestións de mobilidade da Asociación Provincial de Autoescolas
A concelleira de Tráfico, Mobilidade, Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, reuniuse co presidente da Asociación Provincial de Autoescolas, José Manuel López Marín, dentro dos encontros para presentar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) que a Concellaría esta mantendo tanto con entidades veciñais e comerciais, coma con asociacións, institucións e outras entidades vinculadas á mobilidade.
Entre os obxectivos do encontro, destacan os seguintes:
. Expoñer os compromisos xerais da mobilidade sostible e a importancia da participación cidadá para lograr obxectivos consensuados.
. Invitar á participación tanto individual coma colectiva a través da enquisa á que se accede dende a páxina web ou ben telefonicamente.
. Recibir información e suxestións de primeira man sobre os problemas de mobilidade identificados polo colectivo de autoescolas que reforce e asegure un bo diagnóstico para a súa posterior avaliación e, no seu caso, para a incorporación de propostas ao PMUS.
Os datos obtidos están a achegar un alto valor engadido non só á fase de diagnóstico, senón tamén á definición de obxectivos e deseño de solucións, xa que todas as asociacións e colectivos están a identificar incidencias e ideas concretas que serán avaluadas. O calendario considera a participación directa dunhas 150 entidades ou colectivos.
Freire recalcou que estes encontros son só un dos niveis de participación cidadá para que as persoas teñan influencia e relación directa co PMUS, xa que ademais se conta con outras canles como o barómetro da mobilidade, a enquisa online (www.coruna.es/pmus), as enquisas a usuarios do transporte público, efectuadas a pé de rúa, ou a propia web do PMUS.
A concelleira subliñou que esa metodoloxía de traballo, na que destaca a participación, é necesaria para lograr “un PMUS transparente, de carácter aberto, sen decisións prefixadas e o que é máis importante: elaborado por e para todos, un PMUS das persoas”, concluíu.











