As ordenanzas fiscais para o 2014 bonifican obras de mellora da accesibilidade e de instalación de ascensores
O concelleiro responsable da Área de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, insistiu hoxe en que o Concello de Ferrol manterá conxeladas as taxas e ordenanzas fiscais para o vindeiro ano 2014, e ademais non soamente se conservarán as bonificacións existentes este exercicio senón que se aumentan. Así, e atendendo ao compromiso do Goberno Municipal, bonificaranse nun 90% as obras de accesibilidade e de instalación de ascensores en edificios xa existentes en todo o termo municipal –incluídos os cascos históricos de A Magdalena e Ferrol Vello-; e tamén se aplicarán bonificacións en materia de IBI, IAE e ICIO, con deducións de até un 95% a aquelas actividades de interese para o concello no eido social, cultural, histórico – artístico ou de fomento do emprego”. A estas maiores bonificacións hai que engadir, ademais, a redución dun 30% da taxa que teñen que aboar os vendedores ambulantes.
Así as cousas, o único incremento que se produce no que atinxe a tributos locais é que afecta ao saneamento, que sube unicamente 70 céntimos nun recibo medio dunha familia que é de 15 metros cúbicos. “As cotas e os tipos de gravame dos impostos e taxas municipais non se verán incrementados ni tan sequera o IPC”, subliñou Langtry Caínzos. Neste senso, o titular de Economía explicou que a política deste Goberno Municipal dende que tomou posesión “é evitar a carga impositiva sobre as familias e as empresas”.
No que atinxe aos cambios no recibo de Sogama, estes veñen motivados pola subida do prezo por tonelada de tratamento de residuos que aplicará esta sociedade, o que suporá unha subida no recibo medio de 1,03 euros mensuais. O Concello de Ferrol mantén, neste aspecto, os beneficios fiscais ás familias e persoas empadroadas en Ferrol con menos recursos e ingresos económicos, con deducións no recibo do lixo, a auga e o saneamento. A comisión informativa de Economía ditaminará mañá mércores sobre a proposta de aprobación das novas tarifas relativas ó servizo de tratamento de residuos sólidos, derivados do establecemento dun novo custo unitario pola entidade Sogama.
O Goberno Municipal levará a pleno de fin de mes –que se celebrará o vindeiro xoves, día 31- a aprobación inicial das ordenanzas fiscais, despois de que estas foran ditaminadas en comisión informativa a semana pasada.











