As oficinas de turismo da Coruña rexistraron durante o verán máis de 50.000 persoas
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid fixo balance, como responsable de Turismo, da tempada de verán -que se pechou coa visita de máis de 50.000 persoas ás oficinas ás oficinas do Consorcio de Turismo- e reiterou a súa aposta polas campañas de desestacionalización para captar visitantes todo o ano, non só durante a época estival e tamén polas novas tecnoloxías en monumentos como a Torre de Hércules “para que a xente que non poida subir ao faro o teña máis preto”, dixo a concelleira. Así, afirmou que haberá novidades con vistas ao próximo ano, coincidindo co quinto aniversario da declaración do faro como Patrimonio da Humanidade.
A edil resaltou así mesmo a importancia do turismo gastronómico -con retos como a celebración en febreiro de 2014 do Fórum Gastronómico- e do turismo de cruceiros como medios para posicionar a cidade a nivel nacional e internacional mediante “un turismo ben pensado”.
Alvedro e Expocoruña
Respecto a Alvedro, asegurou que o aeroporto “é un desafío constante” que ás veces se empeñan en formular como un problema “cando debería ser unha solución, unha oportunidade de futuro,”. Neste sentido, recordou que as negociacións con AENA aínda non están pechadas e insistiu na necesidade de que voar dende A Coruña debe ser “doado, barato e con ampla conectividade”.
O tenente de alcalde tamén destacou a nova etapa que atravesa Expocoruña, que tras superar unha etapa de perdas “importantes”, ten eventos todas as semanas de aquí a finais de ano. “Limpáronse as contas, pagouse o que se debía e deuse un xiro á xestión”, explicou Luisa Cid, quen avanzou que o recinto -que o ano pasado xa pechou con 60.000 euros de beneficio- volverá ter superávit. Por último, mostrouse satisfeita coa sentenza que desestima a demanda de máis de 7 millóns de euros presentada no seu día pola construtora do recinto feiral.











