As obras de mellora na travesía da Laracha contarán cun investimento de máis de 234.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou as obras de mellora da Travesía da Laracha (AC-552), unha actuación na que se investirán 234.179 euros. A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá o municipio para dar conta destes traballos, acompañada polo alcalde, José Manuel López, e polo xefe territorial da consellería, José Antonio Álvarez.
Do Campo recordou que a actuación nesta estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia busca mellorar as condicións nunha vía que na actualidade soporta un volume de tráfico considerable debido á presenza comercial e empresarial na zona. Ademais, presenta determinados riscos para a poboación xa que é unha zona sen senda peonil, que xunto co tráfico da zona, supón unha elevada periogosidade para os viandantes que é necesario corrixir.
Así, explicou a delegada territorial, o proxecto ten por obxecto a mellora da seguridade viaria na Travesía da Laracha, prolongando a zona de tránsito peonil no núcleo da Laracha, tanto ao inicio, dende o o punto quilométrico 20+035 ao 20+340, como na súa parte posterior, dende o quilómetro 21+220 ao 21+550. Repararanse dous tramos que suman un total de 635 metros.
As obras que se executarán consistirán na pavimentación da calzada, mellorando así a capa de rodadura de vehículos, a ampliación do ancho das beirarrúas existentes e dos aparcadoiros, a execución de novos treitos de beirarrúas, a instalación dunha nova rede de alumeado público, e a sinalización horizontal e vertical dos viais.
“Esta actuación beneficiará a case 12.000 habitantes do concello da Laracha”, indicou a representante do Goberno galego na provincia, quen sinalou que, segundo as previsións do departamento autonómico, a actuación ten un prazo estimado de execución de dous meses, aínda que este virá determinado polas condicións meteorolóxicas. Durante este tempo escavaranse máis de 1.100 m3 de terreo, outros 1.000 m3 de terraplén, e 1.000 m2 en material de demolición. Tamén se instalarán 3.000 metros de novas tubaxes. O investimento tamén inclúe a xestión dos residuos.
Do Campo comentou que a execución deste proxecto demostra o compromiso do Executivo galego coa comarca, á vez que destacou o cumprimento dos obxectivos marcados para a mellora da rede viaria da provincia, de xeito que se proporcione aos usuarios unha forma de condución cómoda e segura. Cos traballos previstos na AC-552, incrementarase a seguridade, e por tanto reduciranse os sinistros, e facilitaranse os desprazamentos, coa finalidade de favorecer un desenvolvemento económico e social que proporcione unha maior calidade de vida aos veciños e veciñas do entorno.











