publicidade hoxe

As melloras nas pinturas na igrexa de San Miguel de Osmo, en Cenlle, e do retablo de Santa María, en Toén ascenderon a máis de 40.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleOurenseToén
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o resultado das obras de restauración da Igrexa de San Miguel de Osmo, no concello de Cenlle, e a correcta conclusión dos traballos da segunda fase da restauración no retablo de Santa María da igrexa de san Pedro de Moreiras, na localidade de Toén. Concluída a segunda fase, centrada na recuperación e consolidación do retablo, a construción recupera boa parte dos seus enormes valores histórico-artístico orixinais. Tal e como sinalou o conselleiro estes investimentos, que supera os 40.000 euros en ambas intervencións, son unha clara mostra do compromiso do seu departamento coa recuperación deste importante elemento renacentista do patrimonio ourensán.

No relativo á intervención na igrexa de San Miguel de Osmo o conselleiro sinalou que “a intervención que se estivo a realizar estes meses, e que xa rematou, para a recuperación da pintura mural da sancristía e que ademais permitiu avanzar no coñecemento do estado de conservación do retablo pétreo da nave e a importante predela, tamén de grande interese, así como os criterios para unha posible futura restauración”, ao tempo que destacou a importancia de recuperar e manter a riqueza cultural e artística da comunidade xa que “é parte da historia. É importante o traballo que se está a realizar para a recuperación e mantemento deste espazo de orixe románica, aínda que sufriu moitas transformacións”.

Cómpre recordar que os traballos, que se desenvolveron nos últimos meses, foron sobre as pinturas murais da sancristía, que estaban cubertas de cal, polo que foi preciso delimitar o espazo que ocupaba a policromía, para logo desencalar, fixar policromías, limpar e reintegrar os morteiros. Esta igrexa garda algúns talles do principio do século XVII, sendo esta a mesma época da súa fachada principal.

San Pedro de Moreiras

Respecto do retablo da igrexa de Toén, Xesús Vázquez sinalou que “grazas aos traballos desta segunda fase, despois dos traballos de recuperación e consolidación, o retablo recuperará un aspecto máis próximo á obra orixinal e garantirase a súa mellor conservación”.

Os traballos da primeira fase, realizados pola restauradora Carlota López Brea, consistiron na limpeza mecánica do anverso e do reverso do retablo, eliminando po e restos biolóxicos da superficie; ademais da desinsectación, curativa e preventiva do retablo. Tamén se realizou unha revisión de anclaxes, tanto da estrutura de soporte como das pequenas pezas ornamentais que forman o retablo.

No que atinxe ás policromías, despois de levar a cabo un proceso de fixación das mesmas, comezou o proceso de reintegración cromática que ten coma finalidade garantir a mellor conservación do retablo para o futuro.

O retablo de santa María atópase na capela que constitúe o brazo esquerdo do cruceiro da igrexa, ocupando o muro este dese espazo. Segundo as fontes documentais consultadas, constitúe unha representación da retablística galega de época renacentista de alto valor artístico e histórico, e algúns autores atribúeno ao escultor Cornielles de Holanda, se ben agárdase que os estudos históricos que se están a realizar en paralelo aos traballos de restauración poidan ofrecer máis información relacionada coa súa orixe. Policromado e dourado, se adorna cun rico tratamento decorativo con detalles de embelecemento propios do estilo, e profusos relevos vexetais por toda a superficie.

31 de outubro de 2013 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.