As labores preventivas contra asolagamentos continúan no centro vilagarcián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Obras e servizos comezou onte unha nova fase do mantemento da rede de recollida de pluviais para previr riscos de asolagamentos cando chegue a temporada de chuvias. Estes días, a limpeza dos tragantes e arquetas afectará ao centro urbano da vila, comezando por Vista Alegre e estendéndose cara a Praza de Galicia e as rúas comprendidas entre Rey Daviña e a Avenida da Mariña.

Os traballos desta nova fase comezaron onte no extremo de Vista Alegre que desemboca na avenida Doutor Tourón, concretamente no cruce de Fontecarmoa. Nesa primeira xornada completouse a revisión e desatascado das canalizacións de toda a Rúa Vista Alegre e Castelao chegando á Praza de Galicia. Os traballos continúan nos vindeiros días ata completar todo o centro, prestando especial atención a puntos onde se soen rexistrar maiores problemas de acumulación de auga cando chove e teñen o nivel máis baixo (equiparable o mesmo por debaixo do nivel do mar), como Rey Daviña, a explanada do Auditorio, Avenida da Mariña, a Alameda e a contorna do Auditorio.

A limpeza de tragantes e arquetas da rede de recollida de pluviais despois do verán é moi recomendable para deixar as conducións libres de area, lixo ou follas que impiden o correcto drenaxe da auga cando chove. Nalgúns puntos, a acumulación destes material é tal que incluso se obtura totalmente o conduto.

Para evitar estes riscos e que a rede estea nas mellores condicións para aliviar o fluxo de pluviais, o Concello iniciou en setembro os traballos de limpeza e mantemento da rede de recollida. Leváronse a cabo as tarefas no barrio da Torre, na Avenida Rosalía de Castro e agora continúan polo centro urbano. A previsión e continuar os traballos nas vindeiras semanas por outras zonas problemáticas do municipio.

2 de outubro de 2013 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.