As IV Xornadas Técnicas Conxuntas de Auditoría en Vigo destaca o traballo conxunto para fortalecer a confianza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

A conselleira de Facenda instou a traballar de forma conxunta para fortalecer a confianza na auditoría e reforzar a transparencia e a solidez dos mecanismos de control, como garantía para o cidadán dun correcto funcionamento das institucións públicas e privadas. A titular de Facenda inaugurou hoxe en Vigo as IV Xornadas Técnicas Conxuntas de Auditoría, organizadas polo Colexio de Economistas de Pontevedra, os colexios de Titulares Mercantís de Vigo e Pontevedra, e o Instituto de Censores Xurados de Contas de España en Galicia.

Na súa intervención, Muñoz Fonteriz explicou que “é momento de reforzar a independencia, de unificar prácticas, de avanzar na comparabilidade da información e na ampliación da ofrecida”, especialmente naqueles aspectos que resulten relevantes para o coñecemento dos riscos asumidos e da forma de actuar de cada entidade. Tamén destacou a importancia de transmitir a mensaxe de rigor que están a esixir os cidadáns.

Así, advertiu de que, froito da crise, instaurouse pouco a pouco na sociedade a sensación de que hai unha perda de confianza no labor dos organismos encargados do control e da supervisión. “Hoxe a sociedade pregúntase como é posible que entidades quebradas puidesen presentar informes de control sen que se expresase por parte dos auditores reservas respecto aos periodos auditados”, sinalou.

Fronte a isto, a conselleira de Facenda lembrou que esta perda de lexitimidade é común tanto a nivel estatal como a nivel europeo ou mundial, e insistiu na obriga de traballar de forma conxunta para lograr “restaurar e impoñer esa confianza” que permita reforzar a estabilidade, a través da transparencia e a solidez dos mecanismos de control.

Neste sentido, incidiu en que neste momento teñen que impoñerse a calidade e a claridade da auditoría, de tal xeito que se poñan os medios precisos para ofrecer á sociedade unha información máis fiable, útil e entendible. “A auditoría debe adaptarse e evolucionar en función dos requerimentos sociais”, sinalou Muñoz Fonteriz, xa que isto permitirá proporcionar seguridade aos investidores, aos mercados e á sociedade.

Papel das administracións públicas

Neste ámbito, a conselleira de Facenda subliñou que as administracións públicas teñen a responsabilidade de garantir un marco lexislativo que permita manter a confianza na función da auditoría. Así, remarcou que unha auditoría de calidade é unha premisa necesaria para a mellora da xestión nas distintas organizacións.

Ademais, afirmou que no eido da Unión Europea a situación actual esixe un gran esforzo pola sostenibilidade orzamentaria e unha total transparencia na rendición das contas, que permita o cumprimento dos diferentes compromisos asumidos polos distintos Estados, e no caso de España “imponse un cambio na forma de concebir ese control”.

Sobre isto, Elena Muñoz Fonteriz lembrou que en Galicia fíxose xa un importante esforzo de reorganización e de control do déficit a través de dos normas fundamentais, a Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico (Lofaxga) e a Lei de Disciplina Orzamentaria e a Sostenibilidade Financeira.

29 de outubro de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.