As exposicións de normalización visitan varios centros de ensino pontevedreses
A partir do luns 28 de outubro, e ata o 12 de novembro, poderanse ver as mostras O galego tamén noutros mundos e Rosalía sempre viva. Viva Rosalía, no IES A Xunqueira 2 e no Centro de Formación Permanente de Adultos Río Lérez, respectivamente. Estas dúas exposicións foron cedidas de balde pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, co fin de promover a normalización da lingua galega mediante o coñecemento e a reflexión sobre distintos aspectos da nosa realidade e de persoeiros senlleiros para a historia da lingua galega.
O galego tamén noutros mundos consta de trece paneis nos que se trata a dimensión aberta e internacional da lingua galega, contribuíndo á valorización social da lingua e rompendo prexuízos sobre o seu prestixio e utilidade.
Grazas á colaboración coa Fundación Manuel María o Concello de Pontevedra conta ata final de ano coa exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía. Esta mostra está composta por 20 rollers nos que se fai unha explicación clara e sintética dos eventos biográficos e literarios fundamentais de Rosalía, e complétase de material didáctico.











