As entidades ourensanas fan visible o seu labor no primeiro Día Europeo das Fundacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Representantes das fundacións ourensanas

Representantes das fundacións ourensanas

Un total de 21 fundacións ourensanas uníronse hoxe nun acto conxunto celebrado na CEO para conmemorar o primeiro Día Europeo das Fundacións. Este evento, promovido pola Asociación Española de Fundacións a instancias da súa homóloga europea, congregou esta mañá no patio da Confederación representantes de entidades que desenvolven a súa actividade en esferas moi diversas.

Infancia, axuda a colectivos en riscos de exclusión, cooperativismo, arte, deporte, asistencia aos maiores, saúde, emprego, formación, emprendimiento ou deporte son algúns dos campos nos que estas fundacións se desenvolven. Precisamente un dos fins últimos da reunión de hoxe era facer visible a actividade que desenvolven en favor da sociedade, e que cada representante tivo a ocasión de explicar ante os demais asistentes. Por parte da Fundación CEO, o seu vicepresidente José Manuel Díaz Barreiros, deu a benvida e na súa intervención destacou desta cita que ‘por primeira vez fundacións de todo o continente se unen nunha acción común que subliña o valor do seu traballo’. A continuación, recordou a orixe da Fundación CEO, que cumpriu xa 8 anos, e os seus obxectivos entre os que destacou ‘o fomento da economía social, desenvolvendo actividades destinadas á creación de emprego, á promoción da innovación nas empresas, á modernización das súas estruturas produtivas, ou á prestación de servizos para fomentar a mellora da súa xestión’.

Das entidades que acudiron ao acto Díaz Barreiros destacou que a Fundación CEO mantén con todas elas unha estreita colaboración “o que nos outorgou ademais unha enorme variedade de recursos, unha valiosa experiencia e unha excelente relación con todas elas”. Para finalizar, e antes de dar paso á intervención das demais entidades que explicaron brevemente as súas principais liñas de actuación, Díaz Barreiros resumiu o espírito e a filosofía desta tarefa e da cita de hoxe coa frase “a cooperación é a convicción plena de que ninguén pode chegar á meta se non chegan todos”.

Segundo datos do Dafne (Donors and Foundations Networks in Europe) o sector fundacional europeo está actualmente integrado por máis de 110.000 fundacións que xeran entre 750.000 e un millón de empregos directos; e un gasto anual en ocasións próximo aos 150 billóns de euros, polo que destaca como un sector en crecemento cun importante impacto no desenvolvemento socio-económico da UE.

Manifesto conxunto no primeiro Día Europeo das Fundacións

Hoxe, 1 de outubro, Día Europeo das Fundacións, as aquí presentes e os que no seu nome esta declaración subscribimos, unímonos nun acto simbólico e de conxunto para estreitar a man e mirar ao futuro unidos, comprometendo esforzos en favor da nosa provincia.

Somos conscientes do papel social das nosas institucións, e por iso quixemos que, xuntos e por vez primeira, este acto sinxelo pero de forte dimensión en mensaxe, recorde o encomiable labor que as fundacións vimos desenvolvendo en favor de Ourense. E que sexa á súa vez o contrapunto para iniciar un camiño de proxectos e colaboracións para a mellora, proxección e progreso desta provincia.

Ourense non é unha potencia, é unha realidade. Sectores como o viño, a lousa, a moda, o deporte ou a cultura fan que sexamos un referente na nosa comunidade aínda que en ocasións se esqueza a orixe. Non debemos perder de vista a importancia dos nosos produtos e riquezas pero tamén a contribución de moitas persoas e entidades a eses logros. A industria termal como potencial motor da provincia é un horizonte próximo, e tamén outros ámbitos aos que algunhas das fundacións aquí presentes nos vimos sumando en esforzo. O valor do noso románico, das nosas tradicións, da nosa arte… é recoñecido alén das nosas fronteiras, por non falar das nosas paisaxes, gastronomía, así como da nobreza das nosas xentes das que dá fe o mundo alá por onde os nosos emigrantes lle poñen vida.

Dende o observatorio social que somos, as Fundacións queremos contribuír a promover Ourense en todos os ámbitos e a transmitir, no medio dese outro mapa debuxado pola crise e a ausencia de valores, unha mensaxe de esperanza e apoio á nosa terra.

1 de outubro de 2013 | 16:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.