As dependencias do Servizo Municipal de Emerxencias acollen un curso de primeiros auxilios para profesores
A concelleira de Educación mosense, Kely Monzón, informou hoxe da vindeira celebración dun obradoiro de primeiros auxilios dirixido ó profesorado dos centros de Educación Primaria e Secundaria mosenses.
O curso levarase a cabo nas instalacións do Serizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos o sábado 30 de novembro en horario de 08.00 horas a 14.00 horas (6 horas de duración). Os profesores interesados en participar poderano facer de xeito totalmente gratuíto sempre e cando sexan mestres ou mestras nalgún dos centros educativos do municipio durante o presente curso escolar, 2013-2014.
O prazo de inscrición comezará o luns 4 de novembro e rematará o día 22 do mesmo mes. A inscrición deberá ser formalizada no Rexistro Xeral do Concello de Mos ou a través do correo electrónico omix@concellomos.es. A folla de inscrición poderase recoller na OMIX, no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou ben descargándoa da web do Concello, www.mos.es. A lista de admitidos no obradoiro publicarase o 25 de novembro.
Segundo explicou a edil responsable da mesma “esta actividade pretende dotar ó profesorado, como representantes dunha das figuras que maior contacto directo teñen cos menores na sociedade actual, duns coñecementos básicos en primeiros auxilios, para deste xeito saber como actuar en situacións de urxencia”.
Algúns dos contidos que se traballarán durante esta acción formativa son o soporte vital básico, SVB, en adultos; outras técnicas de SVB, SVB en nenos e nenas, e outras situacións de emerxencia. A metodoloxía consistirá nunha combinación entre teoría e práctica. A realización do taller implica a obtención do título Oficial da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria.











