As brigadas da Deputación melloran a explanada do nó de bombeiros de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

Dúas brigadas da Deputación están a traballar no acondicionamento e mellora da explanada situada xunto ás instalacións de Bombeiros e da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, segundo comunicou esta mañá o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

O obxectivo é adecentar esta área, situada xusto á entrada da cidade e que na actualidade se atopa, en palabras de Rafael Louzán, “nun estado lamentable”, coa “maleza que come boa parte do recinto”

O presidente da Deputación incidiu en que se trata dunha actuación necesaria, porque esta área é utilizada por miles de persoas cada día, e que completa o acondicionamento exterior da Comandancia que xa a Deputación comezara no seu momento co asfaltado da zona.

Senda peonil

Louzán tamén lembrou que técnicos municipais e da Deputación están a traballar no deseño dun anteproxecto para a construción dunha senda peonil que ligue o paseo que chega ata a ponte das Correntes co nó de Bombeiros e a súa continuación cara á Barca e Poio.

Louzán subliñou que se trata dun treito de escasos 200 metros pero que resulta “algo básico”, xa que é fundamental para conectar Pontevedra e Poio.

Este treito é utilizado por numerosas persoas que van tanto cara á Comandancia da Garda Civil coma cara a Poio ou á Barca e que carecen de espazo peonil para se desprazaren, o que os obriga a transitar practicamente pola estrada.

O presidente da Deputación apuntou que agarda que o anteproxecto estea listo axiña para que se poida comezar a execución das obras, incidindo en que será preciso contar coa “colaboración de todos” dado que non está claro de quen é a titularidade deste treito de vía.

4 de outubro de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.