As agrupacións de comerciais de Lugo recibirán preto de 400.000 euros para dinamización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaLugoMonforte de Lemos
A-
A+
Presentación da campaña “Merca e gaña en Monforte”

Presentación da campaña “Merca e gaña en Monforte”

A Consellería de Economía e Industria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a concesión de preto de 400.000 euros – en concreto 391.721 euros- a agrupacións de comerciantes da provincia de Lugo para a organización de accións de dinamización da demanda.

Así o explicou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quen destacou o esforzo que realiza a Xunta para apoiar o comercio local, que é “o que máis preto está dos cidadáns, colabora no pulso da vila e na súa sustentabilidade, vive integrado na cidade e polo tanto lle afecta o que nela ocorra”.

Arias asegurou que a Xunta traballa en coordinación cos propios comerciantes porque “son os que mellor coñecen o sector, así que os escoita nas mesas locais de comercio e adapta as liñas de axudas ás súas necesidades”.

Así, a Consellería de Economía aprobou axudas por importe de 170.767 euros para a revitalización e dinamización dos centros comerciais abertos de Viveiro, Chantada, Sarria, Monforte de Lemos e Ribadeo, así como da praza de abastos desta última localidade.

Igualmente, concedeu unha subvención de 109.000 euros á Federación de Asociacións de Comercio da Confederación de Empresarios de Lugo e outra de 112.000 euros á Federación Galega de Comercio, con sede en Lugo, para o desenvolvemento de iniciativas que reactiven o consumo no comercio local.

A delegada territorial deu conta destas actuacións no marco da presentación da campaña Merca e gaña en Monforte, que, segundo afirmou, “é unha mostra do tipo de proxectos nos que se traduce o apoio da Xunta, xa que sen dúbida cumpre co obxectivo de facer máis atractivas as compras nos establecementos da cidade”.

Así, entre os días 18 e 29 de outubro os establecementos asociados ao Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte repartirán máis de 120.000 boletos entre os seus clientes. O día 31 sortearanse entre os participantes 10 bonos de 50 euros cada un para consumir novamente no comercio da zona.

Arias aplaudiu o labor que desenvolven tanto a Federación Galega de Comercio como as distintas agrupacións municipais e supramunicipais, “constantemente preocupados por subir o listón, por mellorar a calidade, atención e o servizo que prestan aos consumidores”.

No acto de presentación da campaña Merca e gaña en Monforte participaron tamén o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e a presidenta do CCU de Monforte, María José Senra.

Cabe lembrar que, polo que respecta á zona sur, obtiveron axudas da Consellería de Economía e Industria o CCU de Monforte de Lemos e a Asociación de Empresarios, Profesionais e Autónomos de Chantada, por un importe conxunto de preto de 73.000 euros e en ambos casos para a dinamización dos seus centros comerciais abertos.

18 de outubro de 2013 | 00:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.