Arranca o programa “Envellecemento Activo” en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

Na mañá deste martes arrancou o programa de “Envellecemento Activo” que o Concello de Cabanas leva a cabo coa colaboración da Deputación da Coruña. Ás once da mañá e na Escola Laica tivo lugar unha primeira xuntanza na que os responsables do programa se encargaron de explicar ós usuarios a programación que se seguirá neste curso ata finais de maio cando se poña o punto final. No acto estivo tamén presente o Alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, que se dirixiu ós participantes animándoos a compartir a súa experiencia e coñecementos cos máis novos.

O programa levarase a cabo todos os martes na propia Escola Laica, en horario de 11:00 a 12:30 horas. Este programa pretende ser unha oferta de actividades nas que conxugar o mantemento e reforzo das capacidades físicas e cognitivas, o desenvolvemento da creatividade, o traballo do plano emocional e persoal e o contacto co entramado social.

Durante este curso 2013/2014 o fío condutor que se vai empregar será o do cine. Nas diferentes sesións farase un repaso da historia do cine a través das películas máis coñecidas, dende as súas orixes e o cine mudo ata as últimas mostras do sétimo arte realizadas de forma dixital. A temática de cada película será o punto de partida dende o que realizar diferentes actividades destinadas a activar a memoria, servirá para a realización de debates ou dará orixe a exercicios de expresión teatral, movemento, manualidades, etc.

Ó longo das diferentes sesións iranse gravando sketchs de varias películas, que se empregarán ó finalizar o programa para a súa edición conxunta dando lugar a un pequeno vídeo, que será presentado á comunidade o último día dos obradoiros. Nesta presentación estarán convidados as familias dos participantes así como todos os interesados en velo.

Inda que o programa xa deu comezo, as persoas que estivesen interesadas en tomar parte nel poderano seguir facendo ata finais de novembro. Para inscribirse so teñen que poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello de Cabanas.

8 de outubro de 2013 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.