publicidade hoxe

Ares recepciona as obras do novo centro de maiores no baixo do reformado antigo concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

O alcalde de Ares, Julio Iglesias recibía esta mañá as chaves do que será novo centro de maiores, que se ubica no antigo Consistorio, na tamén recentemente reformada Praza da Constitución. Deste xeito, o Concello vén de recepcionar unhas obras que foron executadas pola empresa Construcciones y Reformas Villa Rodríguez, e agora procederá ao traslado de mobiliario do centro que actualmente está en funcionamento.

Esta actuación, como se informou no seu momento, resposta á necesidade de trasladar dito centro do lugar no que se atopa ata estes momentos a outro punto da vila moito máis céntrico e, polo tanto, accesible para as persoas maiores do pobo.

A intervención executouse con cargo a un convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación, que achegou 40.000 dos 52.133,60 euros da mesma. Segundo figuraba no proxecto, neste baixo, que ten 142,20 metros cadrados de superficie construida, incluido o patio, e case 120 de superficie útil, contempla unha ampla zona de lecer e esparcimento con sofás a mesas, un almacén e dous aseos –un deles adaptado-. O centro de maiores é accesible para que todos os usuarios e usuarias poidan facer usa das instalacións municipais.

Pero o proxecto de reforma do antigo concello contempla dúas fases máis. Así as cousas, a segunda fase está deseñada para albergar no primeiro andar un centro de comerciantes –para iso, solicitouse unha subvención á Consellería de Industria e Comercio-, que inclúe tres despachos de seis metros cadrados cada un, dúas salas de reunións –unha de 23 metros e outra de 14-, un distribuidor de case 35 metros cadrados e un aseo.

Finalmente, a terceira fase é para a reforma do segundo andar. Neste caso, o goberno local pretende convertir este espazo nun centro cívico, con tres despachos e unha sala de 32 metros cadrados. Un distribuidor de 28 metros cadrados, un baño e un área para acoller unha radio municipal completan este andar.

21 de outubro de 2013 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.