publicidade hoxe

Ares acollerá unha nova edición do Magosto Solidario na Praza da Igrexa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresCalendario
A-
A+

O concelleiro de Cultura, Eugenio Fernández Lago, presentou as actividades das vindeiras semanas, que terán no tradicional magosto o seu, e nunca mellor dito, prato forte. Así, esta actividade desenvolverase o día 9 de novembro (sábado) na praza da Igrexa, se ben antes da degustación -ás 16.30 horas-, haberá un desfile de carrozas polas rúas da vila a cargo da Asociación Cultural O Tilo.

Despois da actuación das dúas bandas de gaitas locais –a Banda de Gaitas Ría de Ares e o Grupo de Gaitas Aresán-, procederase á entrega de agasallos correspondente a outra das iniciativas que xa son todo un referente nesta data: a do concurso infantil de cabazas, cuxo prazo de inscripción estará aberto no mesmo sitio no que se desenvolverá o magosto entre as 16.30 e as 18.00.

E xa ás sete, as persoas que o desexen poderán degustar castañas asadas, postres caseiros e bebidas. Unha hora máis tarde terá lugar o sorteo de agasallos e, sobre as nove da noite, porase punto e final a este magosto que, como en anos anteriores, ten un carácter solidario, posto que todo o racadado irá para Cáritas de Ares.

Ademais do magosto, durante estas semanas haberá varios obradoiros, tal e como explicou o edil socialista na comisión informativa de Cultura do pasado venres.

O primeiro deles será “Contos no bosque”, un contacontos que inclúe a realización dun mural con motivo do outono no parque Rosalía ás cinco da tarde do día 31 deste mes.

“Cinturón de medo” é o título doutro obradoiro, que neste caso terá lugar na biblioteca municipal o 5 de novembro, e consistirá na elaboración dun cinto e unha lanterna con material de refugallo.

Finalmente, o 8 de novembro desenvolverase, tamén na biblioteca, a “Procesión de medo”. Trátase dunha procesión dos e das pequenas participantes a carón da Alianza difrazados e disfrazadas cos elementos elaborado no anterior obradoiro.

21 de outubro de 2013 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.