Aprobado o convenio de colaboración entre Concello e AGADIC para a 18ª edición do OUFF

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais, na 18ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).

En virtude deste convenio, AGADIC achegará unha cantidade de 24.000 euros ao desenvolvemento de accións conxuntas no marco do certame, que se desenvolverá do día 16 ao 24 de novembro na nosa cidade, organizado polo Concello de Ourense.

O convenio lembra que o Concello de Ourense, dende a súa área de Cultura, organiza a 18ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (18OUFF), “como cita anual ineludible no eido audiovisual”, que achega á cidade produccións cinemátográficas non estreadas na carteleira ourensá, ciclos de autores, directores e cinematografías de prestixio internacional que abrangue numerosas nacionalidades e tamén dunha ampla mostra do audiovisual galego.

Neste contexto, indica o convenio, “AGADIC e Concello consideran esencial o establecemento de accións conxuntas que profundicen na promoción e potenciación do sector audiovisual galego a través da colaboración neste evento, que destaca pola súa firme aposta polo audiovisual galego e polo seu continuo esforzo en contar con ampla participación nacional e internacional”.

Con este convenio, AGADIC, Axencia galega das industrias culturais, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, colaborará no certame ourensán, que chega este ano á súa edición número 18.

O festival arrancará o día 16 de novembro, coa inauguración, a cargo da última producción do director Pedro Olea, “La Conspiración”, película que repasa os días previos ao alzamento golpista do 36 aos ollos do xeneral Mola, con guión de Elías Querejeta, e un reparto encabezado por Antonio Morón, con Jorge Sanz, Alex Angulo, Iñaki Miramón ou Alicia Borrachero.

Ata o día 24 de novembro sucederanse as proxeccións das películas de competición e ciclos paralelos. Na sección oficial amosaranse as 10 películas que optarán aos premios do certame. A eles concurriron este ano un total de 215 películas procedentes de 44 países diferentes.

A gala de clausura correrá a cargo da producción ourensá MIR, unha historia concibida polo realizado por  Gonzalo G. Palmeiro (autor de Ventanas en el Cuerpo) e rodada integramente na cidade de Ourense, cun reparto integrado por Alba Gallego, Baroc Solla, Marta Casielles, Xián Bobillo e Mighuele Martínez.

24 de outubro de 2013 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.