publicidade hoxe

Apertura do proceso de licitación para contratar os servizos enerxéticos e de mantemento da iluminación pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado venres o anuncio do Concello de Catoira que abre o proceso de contratación de servizos enerxéticos e mantemento integral das instalacións municipais de iluminación pública.

A Corporación Municipal acordou adoptar esta fórmula de xestión ante a necesidade de acometer unha remodelación e mellora da rede municipal de iluminación, na busca da máxima eficiencia enerxética e o mínimo custo de mantemento. Cun prezo máximo de licitación de 148.397 euros anuais, máis IVE, o contrato terá unha vixencia de dez anos. A empresa adxudicataria asumirá a renovación de 1.826 puntos de luz utilizando na súa totalidade tecnoloxía LED -que supón un aforro do 75% sobre os consumos actuais-, ademais da xestión e mantemento das instalacións e o pagamento dos custos da enerxía consumida durante eses dez anos. O cambio de tecnoloxía permite unha redución na factura de 105.000 euros anuais, e con ese aforro a empresa adxudicataria realizará o investimento inicial de cambio de puntos de luz, sen que o Concello poña un só euro máis respecto do que está a pagar na actualidade polo consumo eléctrico.

Os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas que rexerán a contratación están dispoñibles na web www.catoira.es (perfil do contratante).

O prazo para a presentación de ofertas remata o 26 de novembro de 2013.

28 de outubro de 2013 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.