Apertura do prazo de solicitude para as vacacións en balnearios da provincia
A concellería de Persoas Maiores informa de que a Deputación Provincial vén de abrir o prazo de inscrición no programa de Saúde e Benestar correspondente a vacacións en balnearios. A iniciativa está dirixida a persoas nacidas antes do ano 1963, a pensionistas ou persoas en situación de respiro familiar. Os prezos oscilan entre os 155 e os 210 euros e o prazo para solicitar praza remata o 30 de novembro.
O organismo provincial convoca este programa de balnearios no marco das iniciativas para fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas establecemento novas relacións sociais e favorecendo a súa participación en actividades que elevan o estado anímico. Por outro lado, o programa ten unha dimensión socio económica xa que tamén serve para o mantemento do emprego nos establecementos hostaleiros da provincia.
O programa ofrece a estancia de seis días e cinco noites nun hotel con spa, balneario ou outro tipo de instalacións similares da provincia, en réxime de pensión completa e coas bebidas incluídas. O paquete inclúe ademais a utilización do spa ou balneario, así como os traslados en autocar dende os concellos de orixe ata o establecemento escollido e viceversa.
Os requisitos que se deben cumprir para poder solicitar algunha destas prazas son ter nacido antes de 1963, ser pensionista da seguridade Social, ou tratarse dunha persoa que precise dun respiro familiar, situación que deberá acreditarse co informe dos Servizos Sociais do Concello. No caso de parellas, é preciso que ámbalas dúas persoas cumpran estes requisitos. Ademais non poderán beneficiarse do programa aqueles que padezan enfermidades ou patoloxías incompatibles coa actividade do programa ou non sexan completamente autónomos.
Os establecementos ao que poden optar os solicitantes son o hotel Hesperia Isla de la Toja, o Talaso Atlántico de Oia, Gran Talaso de Sanxenxo, Spa Oca Galatea de Sanxenxo, Carlos I Spa de Silgar- Sanxenxio, Bienestar Moaña Talaso SPA de Moaña, o Norat SPA do Grove e o hotel Torre do Deza SPA de Lalín.
Os interesados poden dirixirse ao departamento de Persoas Maiores do Concello para tramitar a súa solicitude ante a Deputación ou para solicitar máis información.











