Apertura do prazo de inscrición para a X “Bienal de Pintura do Eixo Atlántico” de Monforte
A X edición da “Bienal de Pintura do Eixo Atlántico”, a única exposición pictórica itinerante entre dous países na Unión Europea, iniciou a súa andaina coa publicación das bases e do boletín de inscrición. Nesta décima edición poderán concorrer tódolos artistas naturais ou residentes en Galicia e o Norte de Portugal.
Trátase dun acontecemento artístico de primeira magnitude xa que, ademais de promover ós artistas da euro rexión, consolídase como unha das tres mellores exposicións itinerantes de pintura da Península Ibérica. Á última edición concorreron preto de 300 obras, das que foron elixidas unha trintena que formaron a IX Bienal.
Este certame cumpre dez edicións, cunha cadencia de entre un e dous anos de exposición itinerante, e dicir, un periplo de 17 anos de historia. O obxectivo da Bienal de Pintura é impulsar a creatividade dos artistas e a creación de valor engadido no patrimonio artístico da euro rexión.
Segundo as bases, cada autor poderá concursar só cunha obra de pintura, orixinal e inédita, e que non fora exposta nin presentada con anterioridade a ningún outro certame ou concurso. Tanto o tema como a técnica a utilizar serán de libre elección. Os autores que desexen participar formalizarán unha inscrición a través da páxina web do Eixo Atlántico, www.eixoatlantico.com antes do 24 de novembro de 2013.
Unha vez pechada a recepción de obras, o xurado, formado por oito membros, seleccionará as obras finalistas nun número máximo de 30, constituíndo as mesmas unha colección itinerante para as sucesivas exposicións que, durante dous anos, terán lugar nas cidades asociadas de Galicia e da Rexión Norte de Portugal.
O fallo do xurado e a entrega de premios terá lugar o día da inauguración da exposición, no primeiro trimestre do ano 2014. Concederase un premio “Eixo Atlántico” á mellor obra do certame, cun valor de 3.000 euros, e dous segundos premios de 1.500 euros cada un, á mellor obra de autor portugués e á mellor obra de autor galego. Igualmente concederase o premio “Xovenes Talentos Luso-Galaicos” para novos artistas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos, inclusive, cun valor de 1.500 euros.
Ademais, editarase un catálogo de tirada limitada con tódalas obras seleccionadas, catálogo que poderá ser descargado na páxina web do Eixo Atlántico ou cun código QR nas distintas cidades onde se celebre a exposición.











