Apertura do prazo de inscrición na terceira edición do Maratón Atlántica Coruña42
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para participar, o próximo 27 de abril de 2014, na terceira edición do Maratón Atlántica Coruña42. Ademais da apertura deste prazo, faise tamén público o regulamento no que se reflicten unha serie de novidades como o cambio de hora de saída, que se atrasa 30 minutos, atendendo así a unha demanda dos atletas. Polo tanto, o pistoletazo de saída de Coruña42 será, na avenida de La Marina, ás 09.00 horas. As inscricións pódense facer nas páxinas webs www.coruna.es/carreraspopulares e www.championchipnorte.com. Os atletas federados deben poñerse en contacto coa súa federación.
Os atletas que formalicen a súa participación de xeito anticipado gozarán ademais de importantes descontos na súa cota de inscrición. O custo para os que se apunten antes do 27 de xaneiro ou ata chegar aos 1.500 inscritos é de 25 euros. Do 28 de xaneiro ao 12 de abril, será de 35 euros; e a última semana de prazo, de 50 euros. Todas estas cantidades increméntanse en 3 euros para os que non teñan en propiedade o chip.
O peche das inscricións terá lugar o 20 de abril de 2014. Ademais do desconto en función da data de inscrición, os desempregados e xubilados teñen unha bonificación do 50% sobre calquera desas tarifas. Pola súa banda, os atletas federados que acrediten marca terán inscrición gratuíta ao tratarse tamén do Campionato Galego da distancia.
Tamén os deportistas que queiran correr a popular de 10 quilómetros, que se disputará de forma paralela, poden formalizar xa a súa participación na proba e aproveitar os descontos. A inscrición é agora de 5 euros, aumentando a 10 e 15 euros, respectivamente, nos mesmos prazos que as inscricións do maratón. Os atletas que non teñan chip pagan un suplemento de 2 euros en cada caso.











