Apertura da “XXXI Semana de Estudios del Mar” que reunirá en Bamio a técnicos e investigadores de toda España
O luns comeza no Centro de Formación Marítima de Bamio a XXXI semana de Estudios del Mar e na que, durante tres xornadas, intervirán investigadores, técnicos, políticos, mariños mercantes e da Armada para dar a coñecer os últimos estudos realizados diversas disciplinas sobre o mar e os seus recursos. O alcalde, Tomás, Fole, será o encargado de abrir o evento no acto inaugural.
A XXXI Semana de Estudios del Mar arrancará o luns ás nove e media da mañá. A presentación das xornadas correrá a cargo de Juan Manuel Blanco-Traba y Traba, presidente da Fundación Asesmar, organizadora das xornadas e a sesión inaugural rematará coa intervención de Fole Díaz que dará a benvida aos asistentes explicando a relación e influencia do mar en Vilagarcía.
Durante as tres xornadas nas que se configura a Semana de Estudos do Mar, pasarán polas instalacións do ISM de Bamio, doce conferenciantes de diversos campos relacionados co mar que exporán temas de actualidade e as últimas investigacións levadas a cabo nas súas respectivas áreas. Entre eles, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que pechará o programa do martes cunha intervención sobre a nova reforma da política pesqueira común e a súa repercusión na pesca galega. Tamén intervirá na Semana de Estudios do Mar a presidenta da Autoridade portuaria de Vilagarcía, Rosario Franco que presentará unha disertación sobre o presente o pasado e o futuro do Porto de Vilagarcía.
O programa das xornadas inclúe conferencias relacionadas coa seguridade e persecución de delitos no mar, como a que impartirá o Xeneral de División da Garda Civil e da Xefatura Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil, Gregorio F. Guerra Pena; a relativa á sanidade marítima que impartirá José Pérez Toribio, Subdirector Xeral de Acción Social Marítima do ISM; ou coa piratería no corno de África, que correrá a cargo do Almirante de Acción Naval da Armada Española, Juan Rodríguez Garat.
No eido científico e de investigación compre salientar as conferencias sobre rías e estuarios que impartirá o catedrático de Geociencias Mariñas da Universidade de Vigo, Federico Vilas Martín; a que exporá o Doutor en Ciencias Xeolóxicas e investigador o Instituto Español de Oceanografía, Víctor Díaz del Río, titulada “Xeohábitats versus xeomorfología submarina”, ou a de xeoestratexia da Antártida da Ricardo que correrá a cargo do Vicealmirante, Ricardo Álvarez-Maldonado.
Os eidos xurídico, formativo e histórico tamén terán presencia na semana de Estudos do Mar con ponencias sobre as normas éticas e técnicas do Dereito Marítimo, Dereito da Navegación e Moral; sobre ensinanza de formación de oficiais na Escola Naval marítima en base aos Plan Bolonia ou “A aventura marítima dos deputados galegos nas Cortes de Cádiz”.











